Sunday 05 de May de 2024

Medio Ambiente licita as obras de reurbanización de varios espazos do núcleo urbano de Carral


As actuacións centraranse na mellora das rúas Uxío Novoneyra, Pinguela e Cortaduría, así como na praza do Curro do corno

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/1X6zqo5) as obras de reurbanización das rúas Uxío Novoneyra, Pinguela e Cortaduría, así como na praza do Curro do corno, ubicadas no núcleo urbano do concello de Carrral, por un importe de 413.000 euros. Cómpre recordar que o convenio de colaboración recolle un importe de 470.000 euros, xa que ao importe de licitación da obra hai que engadir outros custes, como a dirección de obra.

Esta actuación desenvólvese no marco do Plan hUrbe, que impulsa e financia o Goberno galego, e que neste caso concreto, incluirá a ampliación das zonas peonís, o soterramento das instalacións aéreas, a mellora da distribución de contedores de lixo, e a reorganización do tráfico da zona.

Grazas a estas actuacións, contribuirase á rexeneración urbanística, ao aumento e mellora do espazo público, e ao impulso económico do concello de Carral. Cómpre ter en conta que nestas rúas existen bastantes baixos e locais comerciais sen ocupar, polo que esta reurbanización pretende promover, ao mesmo tempo, o crecemento comercial do núcleo urbano.

A obra licitada hoxe é a segunda actuación que se realiza en Carral no marco do Plan hUrbe. En 2011, executouse a urbanización do Campo da feira do concello, cun orzamento superior aos 350.000 euros. Así, o investimento do hUrbe en Carral achégase, ata o momento, aos 825.000 euros.

Plan Hurbe
O Plan hUrbe é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o hUrbe favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.